A idea da beleza –en gallego-Olga Novo
A idea da beleza –en gallego-

"Fóra.
Fóra tribo.
… Se bailaras comigo
habías de comer o saber
cru
a impalabra do meu carácter montañés
bárbaro
e voitral
habías de beber os ouriños benditos por belce

come

come
tú.
A foránea levo nunha lingua anticrista unha flor unha flor unha flor
tan aberta
que pensa
…se bailaras comigo
ata partirme o espiñazo e facer dúas de min
meu ben
se me viras ben
ven
e baila comigo.

Vivín coa boca seca coma o deserto de Dakar
ata tocar
a punta infinitesimal dos meus mexos
marqués
marqués da nada
só señor da miña vaxina noite inmensa papila gustativa do mundo
vulva perfuradísima
botón da tierra
antilei da gravitación universal.

O centro da terra non atrae as miñas verbas
eu douchas de comer na túa ansia coprófila
esta excrementación silábica esta apalabración
que me inflama os intestinos
cheos de amor
e merda.

A idea da beleza
cruzando o celo cara o sur
na migración das aves
describe a curva depravada
o grao máis alto
de poesía pura
caendo coma a suor polos teus poros
abertos que son
buratos negros
e unha cousa preciosa da astrofísica.

A idea da beleza migra no teu cuspe
esa substancia que rompe a barreira do son
sobre min
podemos
Foder
ata romper a paus o espírito de Deus
podemos
Foder ata sentir o cu da noite
onde ninguén viu as patas dunha garza
anunciar a luz do día
Foder
ata arrasar as cordilleiras da miseria
podemos
Foder
ata caer
sentir o crac do cromosoma do poder
podemos
Foder ata tocar a nosa soedade co teu prepucio só
Foder
nos
ata o final
asa ver a morte curvándose na derradeira postura do pracer
Foder
ata
Foder
e xa non ser
máis
cá sombra dunha dimensión fodendo a catro patas
no borde do universo
ti e eu
Fodendo de xeonllos
na noite estrelada da mente de Platón
pensando
quizáis
na idea da beleza. "



El Poder de la Palabra
epdlp.com