Domingo de promesa (fragmento) –en gallego-Xesús Fraga
Domingo de promesa (fragmento) –en gallego-

"Na noite violeta, o Big Ben era unha frecha de luz, vertical e afiada que debullaba nove badaladas sobre o barco detido ante a súa estampa de postal perfecta. O cabrón do capitán fixérao de novo: a exactitude coa que calculaba a parada ante o reloxo, mentres soaba a marcha con pompa e solemnidade para que os comensais de gala erguesen as copas e brindasen con champaña por aquel gran país. Eran seus os nomes que recitaría Amanda nuns segundos, sobre o soprido doce do seu saxo, cumpreanos e aniversarios celebrados nun baile corpo a corpo polo Támese, deixándose ir sobre burbullas francesas, os ollos perdidos entre cabelos sedosos e pel morna, alleos ás xanelas que palpabrexaban dende a escuridade das beiras enlamadas. Era a voz da cantante a que os arrolaba, coma sonámbulos nun soño de domingo que deixaba no aire un prometedor estribillo: ¿Será esta noite? Si, ¿será esta noite?, a interrogación transformábase nunha corchea que entraba pola boca do instrumento e remontaba as súas exhalacións ata instalarse en cada unha das células dos pulmóns, vibrando ó unísono cos pasos que Amanda daba cara el entre as mesas, iluminada por un único foco que convertía o súa figura nunha sombra chinesa que quería ver ceibe do vestido. ¿E será esta noite? Aínda voaba a pregunta arredor da cabeza, coma unha avelaíña desnortada pola luz, ó baixar do barco feito unha ruína luxosa de botellas mediadas, no eco de tacóns aínda resoando na pasarela, o carmín retocado, as gravatas no seu sitio. No portal da casa pousou a funda do saxo na moqueta, ó tempo que rebuscaba un par de moedas heptagonais de cincuenta peniques e marcou de memoria o número no teléfono público. Os nervios ó escoitar a voz familiar desapareceron nun estalo sabido de desilusión: Oíches, case tiñas unha de doce, pero os equipos de segunda che estragaron a quiniela. ¿Facemos agora a da vindeira xornada? Si, tería que ser outra noite. "


El Poder de la Palabra
epdlp.com