O triángulo inscrito na circunferencia (fragmento) -en gallego-Víctor Fernández Freixanes
O triángulo inscrito na circunferencia (fragmento) -en gallego-

"Así pasaron varias horas. Moitas horas. Paseniñamente foi chegando o silencio coma unha lousa enriba do mundo e esvaeuse o balbor da batalla. Xa non se sentía máis nada có mar calmado, a foula que levantaban os galeóns, unha airexiña morna nas velas... Don Sebastián, abraiado, parvo, achegouse á varanda do bergantín que mandaba e viu a carón del o volumen esluído dunha embarcación veciña. Avanzaba a par da súa e non era da frota. Case podían tocar unha contra da outra de tan xuntas que estaban. ¡Era unha caravela! ¡A Caravela, sobriño! ¡A Virxe Branca de don Bartolomeu, o Devanceiro, pois levaba nas velas a cruz vermella do navegador e nos mastros a bandeira de Villanova de Alba, a mesma bandeira que don Sebastián izara na batalla do corsario pensando que era, tal como se presentaban as cousas, a súa derradeira batalla no mar! Os homes non se poñen de acordó cando falan do que alí pasou. Certo. Pero nós ben que o sabemos: era don Bartolomeu. Houbo unha entrevista entre os dous vilanoveses, o avó e mailo seu neto (que non o coñecera en vida), e do que nela falaron nunca nada se soubo. Celebrouse na cámara capitana da caravela. ERa una noite tan negra, tanto cerrara o neboeiro que nin os homes podían verse uns ós outros nas cubertas dos navíos, e se alguén albiscou capas, sombras, ferros extraños, os sentiu voces descoñecidas, nada puido alí concretar. O océano estaba calmo coma un espello. De cando en vez chegaba onda eles o renxer alto das gáveas, algún aparello que o vento abalaba. "


El Poder de la Palabra
epdlp.com